Comentario de Lume No Pazo
January 9, 2024 | Author: Anonymous | Category: N/A
Short Description
Download Comentario de Lume No Pazo...
Description
COMENTARIO DE LUME NO PAZO
O texto que imos comentar foi escrito por Ramón Cabanillas (Cambados), no ano 1915, cando o autor se atopaba emigrado na Habana, onde entra en contacto coa intelectualidade galeguista emigrante. Este poema pertence a un dos seus libros de poesía lírica máis famosos, Vento Mareiro. Este autor enmarcámolo dentro do tempo das Irmandades da Fala, que transcorre nas primeiras décadas do século XX, concretamente entre 1916 e 1936. Nesta época, a literatura galega experimenta un notable crecemento onde os autores recollen o herdo do Rexurdimento e van incorporando novos xéneros que revitalizan o panorama literario, como a narrativa, o teatro e o ensaio. Ramón vincúlase e participa tamén nas iniciativas políticas e culturais do seu tempo como as Irmandades da Fala (1916), o Grupo Nós (1920), Seminario de Estudos Galegos (1923)… Vincúlase ao nacionalismo e ao sindicato Acción Gallega (grupo agrarista), converténdose no poeta do movemento agrario cos seus poemas de ton anticiquil, como o que estamos a comentar, polo que se lle deu o apelativo de “poeta da raza”. O texto trata dun incendio que ocorre no pazo do cacique; na aldea pódense escoitar as campás da igrexa avisando do lume para que todas as persoas vaian ao lugar onde estaba acontecendo todo para axudar. Nos primeiros versos (do 2 ao 8), descríbesenos a situación da queima, xa que o autor comenta que había unha inmensa labarada vermella que alumeaba o lugar, e que ía calor porque as espesas bafaradas de fume quentaban o aire. Nos seguintes versos (do 11 ao 15), o narrador cóntanos a capacidade destrutiva deste lume, que por certo é alta e grave, porque ao arder o teito do pazo, as tellas enroxecen e estalan, caen as vigas e todo o lume envolve a torre da morada do cacique. A xente, ao chegar, atópase con que a desgraza ocorre no pazo, polo que poñen as mans na cabeza pola tristura que o incendio nese lugar específico impoñía. En contraposición coa tristeza do pobo, un vello que vive na pobreza, porque come cando ten comida, dorme onde pode e vai mal vestido (todo por mor dun preito de rendas atrasadas no que os donos do paso deixárono sen nada), rise e incluso fala de ir buscar o gaiteiro para que toque a gaita referíndose a facer unha festa polo que remataba de acontecer. O tema principal é a crítica ao sistema de repartición de terras e ao abuso dos donos desas terras. O texto podémolo, pois, incluír dentro da poesía lírica e na temática cívicasocial, porque entronca directamente coa crítica aos caciques e coa defensa dos dereitos dos labregos a través da revolución agraria. Podemos dividir o poema en dúas partes:
-Segundo o contido, a primeira parte vai dende o verso 1, “Prendeu lume no pazo”, ata o verso 25, “a roxa labarada”, porque nesta parte do texto, fálase sobre a situación do incendio no pazo (“as tellas enroxecen e estalan / Caen, cruxindo, as vigas”) e do que as persoas fan alí (“corre a xente, berrando, atolondrada / érguense as mansa o ceo…). -A segunda parte vai dende o verso 16 ata o final do texto, ao verso 39, xa que aquí individualízase a escena cun vello que se ría dicindo que o cacique o deixara sen nada. Segundo a forma, a ruptura é a mesma, xa que dende o inicio ata o verso 15 hai moitas estrofas diferentes e curtas, de dous versos, tres ou catro en ocasións. Mentres que do verso 16 ata o final pódese observar un romance case perfecto. Neste poema, todos os versos son simples, xa que non hai ningún con 11 sílabas ou máis, e todos, agás un, son de arte menor e a inmensa maioría son heptasílabos con algún de tres sílabas, catro ou cinco (trisílabo, tetrasílabo e pentasílabo). Tamén hai un verso de arte maior que é eneasílabo. A rima é asonante en todo o texto, pero non segue un patrón. Ao inicio do texto, non hai ningunha estrofa definida xa que temos estrofas de dous versos, de tres e de catro que non seguen unha rima, un cómputo silábico e un ritmo. Estes versos poderían formar un poema de versos libres; porén, na segunda parte temos unha estrofa máis coñecida, o romance (vesos octosílabos con rima asonante nos pares). Para transmitir a súa mensaxe, o autor emprega recursos como a aliteración, que a podemos ver nos versos 26 e 27 coa repetición do “ll” nas palabras “velliño, vello e guedelliñas” que lle serve para insistir no paso do tempo. Dentro dos recursos morfosintácticos temos epíteto nos versos 2 e 25 que remarcan que “a labarada é vermella”, aínda que esa calidade xa é propia dunha chama. Hai pleonasmo no verso 29, xa que evidentemente unha persoa “xanta cando xanta”, calidade inherente ao velliño que non pode comer cando quere. A asíndeton destaca sobre todo a segunda parte, onde a ausencia de conxuncións serve para darlle dinamismo ao texto e manifestar a alegría do vello. No plano semántico, a característica máis evidente é a antítese, que é unha contraposición de dúas realidades para que dese xeito resalten máis o tema central. No texto apréciase a través da diferenza de comportamento da xente e do vello, xa que este está contento polo acontecido, mentres que o xentío está triste. As hipérboles do verso 26 serven para esaxerar a idade do vello, “era un velliño, moi vello”. O símbolo que máis destaca é o “pazo” que representa os poderes señoriais, a riqueza e a sociedade estamental e xunto con el atopamos o “lume” que equivale á revolución dos campesiños e o “vello” representa a xustiza divina.
En conclusión, nesta obra, Ramón Cabanillas presta a súa voz aos máis asoballados, denuncia a situación do campesiñado e pon de manifesto o seu patriotismo, o seu compromiso coa terra e para iso emprega unha poesía de combate, forte, apaixonante e de protesta.
View more...
Comments